Carta do Alcalde de Celanova remitida ó Conselleiro de Cultura

D. Roberto Varela

Conselleiro de Cultura

Santiago de Compostela

 

Estimado Conselleiro:

Con data 15 de decembro de 2009, a asociación cultural e de montaña Arnau e a asociación de veciños de Vilela (Bande) presentaron un escrito no rexistro xeral da Xunta de Galicia e dirixido á Consellería que ti presides, solicitando o recoñecemento oficial do camiño Xacobeo que agora está sendo coñecido como “Camiño de San Rosendo” e sobre o que a Consellería de Medio Ambiente en colaboración co Ministerio de Medio Ambiente están realizando unha forte intervención de limpeza do seu trazado, mellora do seu entorno e sinalización do mesmo.

Constitúe esta, unha vella reivindicación de tódolos concellos da Baixa Limia e da Terra de Celanova que dende a mesma fronteira acollen a comunicación interior dende Portugal ata a cidade de Ourense, baseándose a mesma nos máis que documentados vestixios históricos que ligan esta zona da provincia de Ourense coa cidade de Compostela e co propio culto a Santiago.Camiño de San Rosendo

Evidencias históricas, estas, que teñen sido recollidas en multitude de estudos, algúns dos cales xa foron referenciados no escrito presentado polas asociacións anteriormente mencionadas e que darían para a elaboración dun traballo monográfico, que será un dos obxectivos da iniciativa que agora pretendemos revitalizar.

En calquera caso e sen necesidade de meirandes afondamentos ca estes breves apuntamentos (tempo haberá para alicerzar documentalmente o aquí apuntado), hai dúas ou tres evidencias que xustifican plenamente a nosa solicitude.

1.- A presencia dun dos mosteiros con máis poder e de meirande relevancia da Galicia coincidente cronoloxicamente co desenvolvemento do culto a Santiago - como é o mosteiro de San Salvador de Celanova-, é xa de seu unha razón de ser desta proposta, non en van o propio San Rosendo chegou a exercer como bispo de Dumio e de Iria pola altura do primeiro terzo do século X, época na cal xa se coñecía a presencia dos restos do Apóstolo en Galicia.

Antonio Mouriño Villar - Alcalde de Celanova

Concello de Celanova – Praza Maior, 1 - 32.800 Celanova (Ourense) - Tfno.: 988.431481/87 – Fax: 988.451623 – concello.celanova@eidolocal.es

2.- Por outra banda, a figura do Varón Apostólico, San Torcuato, un dos sete discípulos do Apóstolo que se achegaron á Península Ibérica e que pasan por seren os que acompañaron o corpo de Santiago ata o seu sepulcro, está plenamente vixente neste camiño, dado que o seu primeiro lugar de referencia sitúase na fermosa capela visigótica de Santa Comba de Bande, mentres que os seus restos comparte actualmente co-padroado co propio San Rosendo na maxestosa igrexa conventual de Celanova.

3.- E por se iso non chegase a ser suficiente, está perfectamente rexistrado no libro Tombo do Mosteiro de Celanova un documento datado o 15 de setembro de 1142 no que se transcribe un Pacto entre o abade de Celanova do momento, Pelaio, e o tenente da obediencia de San Paio de Veiga e representante dos Hospitalarios de Xerusalén, don Xerardo, para construír e rexentar un hospital en Portela (Verea) para peregrinos.

É dicir, son moitos os vestixios históricos, relixiosos, toponímicos, etc., que ligan a este trazado que comunica as terras do interior do Norte de Portugal co sur da provincia de Ourense, coa tradición xacobea e incluso son varias as publicacións que así o describen e que chegan a documentar ata a presencia da raíña portuguesa Dona Filipa de Lencastre en Celanova como exemplo do paso de reis e nobres por este Mosteiro, xa foxe nunha ou noutra dirección pero sempre coa referencia de Compostela.

Por todo elo é polo que os embaixo asinantes, alcaldes e alcaldesas dos concellos de Lobios, Entrimo, Lobeira, Bande, Muíños, Verea, Celanova, A Merca, Cartelle, Barbadás e San Cibrao, reunidos no Concello de Celanova na xornada de onte 25 de marzo, acordamos solicitar formalmente que o tramo de vía que comunica dende a Portela d´Home e a Magdalena ata Ourense sexa considerado oficialmente pola Xunta de Galicia como un ramal do denominado Camiño Mozárabe ou Vía da Prata, é dicir dos camiños que  dende o Sur conducen a Compostela, e que se lle dea o nome de “Camiño de San Rosendo”.

En base con esta proposta é obxectivo común o de tratar de divulgar, tanto entre os veciños como entre os visitantes e posibles peregrinos, este camiño como un traxecto que pode ser utilizado para peregrinar a Santiago, polo que acordamos levar a cabo varias iniciativas tendentes a esta divulgación:

Antonio Mouriño Villar - Alcalde de Celanova

Concello de Celanova – Praza Maior, 1 - 32.800 Celanova (Ourense) - Tfno.: 988.431481/87 – Fax: 988.451623 – concello.celanova@eidolocal.es

a) Organizar unha andaina colectiva do primeiro tramo do camiño na que está previsto que participemos os representantes municipais de todos estes concellos, que terá lugar o próximo día 17 de abril ás 11,00 horas dende o punto fronteirizo de Portela d´Home e na que convidaremos tamén ós representantes institucionais e sociais dos concellos portugueses polos que este camiño comunica con Braga.

b) Solicitar formalmente permiso para sinalizar os distintos fitos do camiño coa mesma sinalética propia do Camiño de Santiago.

Agardando que tomes con interese a proposta e agradecendo calquera comunicación que sexa acordada por esa Consellería ou por calquera outro departamento dependente dela ou relacionado co Xacobeo, no la fagas chegar ó Concello de Celanova, recibe un cordial saúdo.

Celanova, a 26 de Marzo de 2010

Asdo:  Antonio Mouriño Villar – Alcalde de Celanova

En representación de:

José Lamela Bautista (Alcalde de Lobios), Ramón Alonso López (Alcalde de Entrimo), Plácido Álvarez Dobaño (Alcalde de Muíños, Emilio Higuero Cardoso (Alcalde de Lobeira), José Antonio Armada Pérez (Alcalde de Bande), Juan Antonio Martínez González (Alcalde de Verea), Carmen Leyte Coello (Alcaldesa de Cartelle), José Manuel Velo Reinoso (Alcalde de A Merca), Manuel Freire Couto (Alcalde de Barbadás), Elisa Nogueira Méndez (Alcaldesa de San Cibrao das Viñas)