No decurso deste acto de benvida o edil tudense agradeceulles aos xornalistas a súa presenza na nosa cidade, a porta de entrada en Galicia do camiño portugués cara a Compostela, e achegoulles información sobre os recursos patrimoniais e turísticos de Tui. Os xornalistas ficaron especialmente sorprendidos polo carácter de fortaleza da Catedral e polas paisaxes do río Miño ao seu paso pola nosa localidade. Moisés Rodríguez Pérez amosou a gratitude do Concello con Turgalicia por ter incorporado a visita á nosa cidade nesta viaxe promocional.
Estes xornalistas expertos en Turismo estaban acompañados por representantes da multinacional TUI, aos que Rodríguez Pérez informou dos contactos xa existentes cos responsables en España desta operadora turística para artellar algún tipo de colaboración.
Estes informadores turísticos realizaron ao longo da súa estadía en Galicia un percorrido polas distintas rutas de peregrinación, declarado xa hai anos como itinerario cultural europeo; unha viaxe para coñecer os lugares da nosa comunidade autónoma de maior interese turístico, achegándose á súas paisaxes, tradicións, gastronomía e posibilidades de Galicia. A etapa final da súa viaxe sería a cidade de Santiago de Compostela.
O concelleiro tudense Rodríguez Pérez alédase especialmente desta visita pois contribuirá, sen dúbida, á promoción turística da nosa cidade neste caso en Alemaña. Unha promoción que posúe un meirande interese neste Ano Santo Compostelá en que comprobamos como é abondoso o número de peregrinos de orixe xermánica que percorre o camiño portugués. Xa o Concello de Tui tiña editado, tamén en alemán xunto a outros cinco idiomas, un folleto informativo para os peregrinos que esta tendo unha moi positiva acollida. Concellería de Cultura, Persoal e Facenda do Concello de Tui. |
|||




Un grupo de doce xornalistas dos principais medios de comunicación de Alemaña que están visitando os principais fitos dos camiños de Santiago en Galicia, convidados por Turgalicia, achegáronse tamén, hai escasos días, á cidade de Tui sendo recibidos no Parador “San Telmo” da cidade polo primeiro tenente de alcalde e concelleiro de cultura, Moisés Rodríguez Pérez.


